comment 0

As veas (continúan) abertas / Exposición Fotográfica

Olladas dende Bueu a Latinoamérica.

Os contrastes fanse evidentes nada máis pisar o chan dun país latinoamericano. Como escribiu Galeano, “ (…) Nuestra riqueza ha generado siempre nuestra pobreza para alimentar la prosperidad de los otros (…)” e iso se percibe enseguida, cando o observador se decata da desigualdade, da pobreza, da discriminación ou do racismo. Mais tamén se decata da alegría das súas xentes, da grande riqueza humana e natural, da diversidade de paisaxes, climas, linguas, pobos e costumes que conviven nun mesmo espazo. Neste caso percorremos parte de dous países, Perú e El Salvador, dando unha ollada as súas xentes, as súas paisaxes e problemáticas. Dous países cuns importantes recursos naturais, atravesados por megaproxectos extractivos que contaminan a agua e o medio. Onde persoas, animais e plantas non logran sobrevivir, ou malviven agonizando, a presencia de grupos violentos, mafiosos ou de narcotráfico que ameazan as vidas e o benestar dos cidadáns. Discriminación e desigualdade de xénero, embarazos precoces, xuventudes esnaquizadas pola violencia, países escravos dos señores do norte que aproveitan baleiros legais para acadar man de obra barata e esnaquizar o medio ambiente. Mais, novamente o contraste, a propia xente se organiza en diferentes formas de loitas e resistencia contra todo isto e, en algúns heroicos casos, teñen éxito. A organización en comunidades veciñais para resistir fronte os abusos do capitalismo e a violencia cotiá a que xa están acostumados. Con esta materia prima non é difícil para un fotógrafo perderse polos seus paisaxes e persoas, enfundar a cámara en Latinoamérica é como intentar retratar un pesadelo amable: as malas situacións nas que sobreviven contrastan coa súa filosofía de vida tranquila ao marxe das preocupacións do mundo moderno. Así as imaxes flúen da forma máis natural e o fotógrafo só ten que deixarse levar polas cores. A mirada dun neno salvadoreño nunha escola que parece adiviñar un porvir complicado, as paisaxes virxes de Perú illadas do mundo contemporáneo, unha mariscadora ‘curilera’ que fuma puros para espantar os mosquitos que a asedian na profundidade do manglar, rapaciños que xogan divertidos baixo a mirada atenta do seu can… Precisamos tanto para ser felices? A historia da América latina é unha historia de sufrimento pero tamén é unha historia de esperanza, de sorrisos fronte a adversidade. Por iso, pretendemos achegar a nosa vila, Bueu, que tanto entende de mares e sacrificios, as miradas dos nosos irmáns da outro lado do océano para que poidamos compartir con eles as súas ansias de vivir e de plantarlle cara ao medo.
Alba Sotelo – Alba Sotelo
Adrián Mandado – Adri Án
Colaboran: Concello de Bueu, Cultura de Bueu Argo Navis, Aturuxo Bar (Bueu) Xarda -deseño- Aeme soluciones gráficas -impresión-

EL SALVADOR – ALBA SOTELO

O PAÍS

Cunha superficie territorial similar a Galicia (20.742 qm²) pero con máis do dobre da súa poboación (máis de 6 millóns de habitantes fronte os case tres do nosa terra) El Salvador, oficialmente República de El Salvador, é un país soberano de América Central. Situado no litoral do océano Pacífico, franqueado por Guatemala e Honduras e separado de Nicaragua polo Golfo de Fonseca. É o país máis pequeno de Latinoamérica.

Se trazamos unha liña no continente americano El Salvador atópase exactamente no seu punto medio, sendo o corazón máis conflitivo da América latina. Na guerra civil, que durou doce anos,  as vítimas chegaron aproximadamente a 75.000. O 16 de xaneiro de 1992, cando o goberno e a guerrilla asinaron os acordos de paz rematou esta contenda. Estes pactos  deron lugar a reformas militares, sociais e políticas. Na actualidade, continúa sendo un país marcado pola violencia: segundo o informe global de homicidios de 2013, presentado nestes días pola Organización de Nacións Unidas (ONU), El Salvador sitúase no cuarto lugar da lista de países que encabezan por ter taxas máis altas de asasinatos do mundo (en primeiro lugar está Honduras, continuada por Belice e Guatemala). Esta tráxica situación vén provocada polo arraigamento das coñecidas ‘maras’ ou ‘pandillas’. O fluxo migratorio iniciado polo conflito armado salvadoreño e continuado pola débil economía de posguerra ocasionou que un bo número de mozos e mozas saíse do país para unirse a cuadrillas en cidades como Los Ángeles e Washington, DC. A maior parte deles volveron deportados e remataron por constituír novas cuadrillas, marcadas por ter a súa orixe en Los Ángeles, como é o caso da Mara Salvatrucha (MS) e o Barrio ou Rúa 18 (18).

Asveascontinuanabertas_014Asveascontinuanabertas_013Asveascontinuanabertas_011

O(S) PROBLEMA(S)

A problemática social no Salvador é un tema complexo e que obedece a unha multitude de causas. O acceso ao mundo laboral se cingue ao sector primario ou ao traballo para grandes multinacionais que usan América latina como país de man de obra barata. A pobreza aflixe a máis da metade da poboación e chega ao 47.9%, chegando a ser extrema en case un terzo da poboación.

Nas fotografías podemos ver a unha ‘curilera’, é dicir, unha mariscadora do curil. Ao igual que as mariscadoras galegas, estas mulleres introdúcense na profundidade do manglar da selva salvadoreña e despois dunha dura xornada en condicións climáticas extremas apenas gañan uns dólares vendendo o marisco. As mariscadoras usan o fume dos puros e do tabaco para espantar aos mosquitos que as asedian mentres traballan.

Asveascontinuanabertas_001 Asveascontinuanabertas_002Asveascontinuanabertas_010Asveascontinuanabertas_012

A HISTORIA

Nunha rúa da cidade de Tecoluca, Cristóbal ten unha pequena tenda de fotografía chamada ‘Foto Kristobal’. No Salvador non existe o concepto de xubilación tal como nós o coñecemos, polo que os anciáns vense obrigados a seguir realizando o seu traballo ou, con sorte, vivir coa axuda da familia. Este é o seu caso, Cristóbal ten 80 anos e a mirada branquexada por unhas cataratas que no seu país, non son tratadas. Ten un pequeno estudio composto por un cuarto escuro onde antigamente revelaba (agora ten unha pequena cámara dixital) feito con bolsas de lixo e un pequeno espazo para realizar fotos de carné e retratos, adornado con teas de cores e algunha estampa relixiosa. Cristóbal amosa cunha timidez case infantil un traballo de fotografía artesá, que conserva con cariño nunha caixa de cartón. Así, nos retratos, pinta por riba para mellorar as fotos, tal como se facía no noso país antigamente, e incluso ornamenta as imaxes con pequenas pedriñas brillantes a modo de pendentes. Cristóbal é un claro exemplo de que con moi poucos recursos se poden facer xenialidades, porque o que prevalece é iso, a vontade de facer cousas e sobrepoñerse á adversidade.

Asveascontinuanabertas_003 Asveascontinuanabertas_004 Asveascontinuanabertas_005 Asveascontinuanabertas_006

A MIRADA

Na Illa de Tasajera, cada noite Walter percorre a praia, acompañado do seu can para buscar ovos de tartaruga e levalos a un espazo protexido. A desova deste animal é un ritual case místico, no que Walter e o seus compañeiros aproveitan a entrada en transo da tartaruga para recoller os ovos e levalos a un criadeiro, onde as tartarugas nacen alleas ao perigo dos depredadores, para ser despois liberadas, ese é o seu oficio. Nun país envelenado polas atrocidades medioambientais que comenten as multinacionais, tales como a Monsanto que asasina a poboación contaminando os canais de azucre con sulfatos,  Walter é o seu can son a mirada da dignidade e da resistencia.

Asveascontinuanabertas_007 Asveascontinuanabertas_008 Asveascontinuanabertas_009

PERÚ – ADRIÁN MANDANDO 

O PAÍS

Con case 1.300.000 quilómetros cadrados, máis de 3.000 quilómetros de costa, 33 picos por enriba dos 6000 metros sobre o nivel do mar, selva, ríos, lagos, desertos, illas, canóns máis profundos que o famoso Cañón del Colorado a diversidade natural, ecolóxica, climática e xeográfica do país é xigantesca.

Perú caracterízase por unha mestura de etnias. As correntes migratorias ao longo da historia é evidente na presenza das influencias caucásicas, xunto coas africanas e asiáticas, dependendo da zona do país. A explotación dos seus recursos é moi diversa. Podemos atopar dende  megaproxectos extractivos a unha economía local baseada nos produtos tradicionais e, como non, no propio turismo.

Asveascontinuanabertas_022 Asveascontinuanabertas_023 Asveascontinuanabertas_024

O(S) PROBLEMA(S)

O INEI (Instituto de estatística Peruano) coloca o nivel de pobreza nun optimista 22,7%. Máis alá de posibles áreas marxinais, a migración de persoas do campo a cidade provoca a perda de lazos comunais e familiares. Moitas veces estes emigrantes só falan quechua, polo que lles resulta imposible atopar un emprego na turística cidade de Cusco, ou en Lima.

A desaparición da paisaxe está causada polas empresas extractivas de diferentes metais, minerais, gas e petróleo. Perú ten unha biodiversidade tal que case todos os ecosistemas posibles están presentes no país; dende a alta montaña ate quilómetros de costa pasando pola selva amazónica, tundra, desertos de area ou volcánicos. Moitos deles se ven ameazados por megaproxectos extractivos, de irrigación para cultivo extensivo de exportación ou outras actividades económicas.

Asveascontinuanabertas_025 Asveascontinuanabertas_026 Asveascontinuanabertas_027 Asveascontinuanabertas_028

A HISTORIA

A 4.500 metros de altura viven as xentes de Chaullacocha, na provincia de Cusco, unha comunidade campesiña dunhas noventa persoas. Sen auga corrente ou electricidade viven do que eles mesmos cultivan e de animais como as cobaias e galiñas. Tamén das llamas e as alpacas que non só usan para comer, se non que empregan a súa la e pel para a os tecidos que elaboran maiormente as mulleres da comunidade. Un remoto lugar, de clima hostil mais de paisaxe tranquila e natural como poucos, con nacementos de auga natural e cristalina, é un pobo que ofrece todo o que ten ao visitante.

Asveascontinuanabertas_015 Asveascontinuanabertas_016 Asveascontinuanabertas_017 Asveascontinuanabertas_018

A MIRADA

“El sistema no ha previsto esta pequeña molestia: lo que sobra es gente. Y la gente se reproduce. Se hace el amor con entusiasmo y sin precauciones. Cada vez queda más gente a la vera del camino, sin trabajo en el campo, donde el latifundio reina con sus gigantescos eriales, y sin trabajo en la ciudad, donde reinan las máquinas: el sistema vomita hombres. Las misiones norteamericanas esterilizan masivamente mujeres y siembran píldoras, diafragmas, espirales, preservativos y almanaques marcados, pero cosechan niños; porfiadamente, los niños latinoamericanos continúan naciendo, reivindicando su derecho natural a obtener un sitio bajo el sol en estas tierras espléndidas que podrían brindar a todos lo que a casi todos niegan.” (Eduardo Galeano en Las Venas Abiertas de América Latina, Siglo 21 editores, 2004:19)

Asveascontinuanabertas_021Asveascontinuanabertas_019Asveascontinuanabertas_020

Enlaces de interese:

500px de Adrián Mandado

Evento da exposición en Facebook

Taboleiro en Pinterest

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s